Don Nuno Freire de Andrade, señor de Pontedeume, tiña unha filla fermosa e inqueda chamada Tareixa. Tiña tamén ao seu servizo un doncel lanzal de corpo, ledo, loiro e sorrinte ao que chamaban Roxín Roxal. En tan boa estima o tiña don Nuno que certa vez regaloulle o seu puñal de prata.
- Defende con el os teus señores.
- Así o farei.
Mais quixo o destino que entre Tareixa e o doncel nacese, como sen querer, un amor imposíbel. Don Nuno, ao sabelo, perdeu o siso:
- Ou casas con don Henrique Osorio, nobre coma ti, ou Roxín Roxal, perderá a vida.
Tareixa casou con don Henrique, e Roxín Roxal pasaba día e noite comesto de melancolía. Un serán de outono don Nuno sorprendeuno a ollar languidamente para a xanela pechada da cámara nupcial da forzada parella.
- Marcha das miñas terras, Roxín Roxal.
Don Henrique non sabia que facer para gañar a admiración da súa esposa. Un día, contra o que era costume, convidouna a presenciar a cacería dun porco bravo que estragaba as colleitas dos campesiños da comarca. A partida chegou ate a beira do Lambre. Alí aparece o porco bravo. Ameaza, gruñe, regaña os dentes aos cazadores. Henrique Osorio colle o arco e apunta. A frecha voa, e fire ao porco no lombo. Non o mata; faille ferver o sangue. A fera abalánzase sobre dona Tareixa e fírea de morte. Don Henrique, covarde, foxe espavorecido guindándose da ponte embaixo, mentres o porco bravo esnaquiza á súa dona.
A traxedia contouse darredor de todas as lareiras. Non había ninguén que non soubese da dureza de corazón do pai, da covardía do xenro, do amor infinito do doncel. E de alí a uns días, de mañá, un vulto negro apareceu no medio da ponte. Moita xente achegouse. Era o porco bravo, morto. No pescopzo ensanguentado estaba cravada até a empuñadura a daga de prata que don Nuno lle regalara, aquel día, a Roxín Roxal.
Desde entón aquel lugar coñécese polo nome da Ponte do Porco.