A Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal nace en abril de 2005 coa arela da promoción e a defensa do patrimonio natural, histórico e cultural do concello de Paderne, da comarca das Mariñas e da nación galega.
Roxín Roxal quere ser parte activa no renacer da Galiza consciente e orgullosa de si mesma, valoradora do seu pasado, da súa riqueza biolóxica, da súa lingua e cultura, do seu riquísimo e esquecido patrimonio. É unha asociación libre, independente e plural.
O criado Roxín Roxal, heroe dunha fermosa lenda que transmitida de pais a fillos chegou limpa e clara até os nosos días, mata co puñal de prata o porco bravo que atemorizaba ao povo, que acabara coa vida da súa amada. Este Roxín Roxal de hoxe loita contra outras bestas non menos temíbeis que ameazan o futuro do noso povo: o descoñecimento, o autodesprezo, o esquecemento, a ameaza ao meio natural, a manipulación sobre o noso pasado que se estende sobre o noso presente. Cara elas Roxín Roxal segue a ter o seu puñal ergueito: unha arma de paz e de palabra, de luz e de coñecimento.