A punta de San Mamede é un espazo natural de extraordinario interese, inserto nun anaco de costa escarpada e case virxe. No cimo do promontorio ergueuse un castro costeiro, do que ainda restan vestixios.
Domingo 9 de Setembro. Lugar de encontro (para as persoas que veñan doutros concellos): diante da Confraría de Pescadores de Fontán (Sada), ás 9.30 horas.
Desde alí partiremos nos coches até o local da AVV Armental de Carnoedo, desde onde comezará o roteiro a pé, sobre as 10.00 da mañá.
Despois do percorrido da pasada primavera pola costa Leste da ría de Betanzos (roteiro Sinus Magnus Artabrorum), no que baixo unha refrescante choiva puidemos visitar as pequenas marabillas escondidas da parte de Miño, agora toca complementar o estudo da ría cunha visita á súa parte oeste. Entre as parroquias sadenses de Carnoedo e Veigue discorre un roteiro xa marcado, co nome de Costa Doce de Sada.
Este roteiro conta cun grande valor histórico, natural e paisaxístico. É de especial mención o castro costeiro da punta de San Mamede, desde onde está tomada a fotografía de arriba.
Na organización desta actividade estamos tendo a valiosa colaboración tanto do Concello de Sada como da AVV Armental de Carnoedo. O tradicional xantar colectivo celebrarase no polideportivo da AVV de Carnoedo e desta vez, grazas ao Concello, contaremos con transporte desde o lugar de finalización do roteiro, as proximidades da praia de Cirro, até o de comezo.
Non dubidedes en poñervos en contacto connosco para calquera información nos números de teléfono habituais (ver programa na páxina de inicio) ou no correo electrónico roxinroxal@yahoo.com