A auga rebenta con estrondo nas fervenzas do treito final do Meizoso, antes de confluír co Mandeo
Domingo 23 de Setembro, 9.30 horas. Lugar de concentración: Praza do Concello de Paderne.
O Meizoso é un vello coñecido dos roteiros de Roxín Roxal. Témolo visitado por sectores, mais nunca de xeito específico, desde o seu nacimento até o seu final. A idea desta vez é precisamente esa, percibilo e estudalo no seu conxunto e na súa esencia.
É un rego que discorre entre vexetación tupida, chea de agradábeis sorpresas. Un conxunto que nos amosa o intelixente aproveitamento da auga a través dos moíños, moas, batáns e fábricas da luz dos nosos antergos imediatos, ainda presentes na memoria viva. Un espazo singular, onde se deixan atopar ervas case esquecidas, valiosas variedades botánicas para os estudosos.
E como festa final, os impresionantes conxuntos de moíños de Teixeiro e o Batán, onde o río cae en fervenzas de selvaxe beleza. Unha regalía para a vista e un feixe de boas oportunidades para o obxectivo da cámara.
Ao mediodía iremos unha vez máis a degustar o viño do país nunha das adegas da parroquia de Obre. Traede o xantar e a música!